|
Terceiro día das V Xornadas de Limpeza |
|
|
|
|
Martes, 15 de Setembro de 2009 |
Este pasado sábado 12 de setembro a Asociación de Troiteiros deu por finalizadas as V Xornadas de Limpeza do río Furelos. Neste terceiro día de limpeza os labores centráronse máis no desentullo e retirada de maleza e árbores. En concreto os 14 voluntarios que participaron, dous deles chegados de Lugo, tiveron que aplicarse a fondo, nalgún momento axudados por membros da gardería de Medio Ambiente, para retirar piñeiros de tamaño considerable que nalgúns treitos obstaculizaban o normal discorrer das augas. Especial traballo custou a retirada de restos e desentullo da chamada presa de Dositeo. Despois dun esforzo sostido e coordinado ás 2,30 déronse por finalizados os labores para rematar cun xantar ao que tamén asistiron os membros da gardería de Medio Ambiente.

Facendo balance destas V Xornadas, a directiva da Asociación calcula que se retiraron, en total, arredor de 400 quilos de lixo, sen contar coa retirada dunha bañeira, seis rodas de coche e unha grande de tractor e a limpeza de árbores e vexetación para deixar practicables os pasos, vieiros e camiños á beira do río. A directiva quere transmitir neste comunicado o agradecemento ao Concello de Melide e todas as casas comerciais, empresas e particulares que colaboraron coa Asociación para concluír con éxito estas V Xornadas de Limpeza do río Furelos. |
|
A Ponte Mazaira na Televisión de Galicia |
|
|
|
|
Luns, 14 de Setembro de 2009 |
O vindeiro xoves, día 17 de setembro ás 23:15 da noite, o programa Vivir Aquí da TVG, emitirá unha reportaxe acerca do estado que presenta a Ponte Mazaira.
O programa está dirixido por Isabel Durán e por Xosé Luis Bernal "Farruco", e recolle moitas das protestas que lles envían os espectadores.
  |
|
Segundo día das V Xornadas de Limpeza |
|
|
|
|
Mércores, 09 de Setembro de 2009 |
O pasado sábado, 5 de setembro a Asociación de Troiteiros “Río Furelos” celebrou o segundo día das Xornadas de Limpeza, que xa van pola quinta edición. Nesta ocasión xuntáronse 25 persoas, todos asociados de Melide e contorna agás 3 voluntarios chegados de Lugo. Tal como estaba programado acometeuse a limpeza do tramo que quedaba entre a Ponte da Pedra e a Ponte de Fraga.

Hai que recoñecer que, sexa polos labores de limpeza realizados os anos anteriores, sexa porque unha nova conciencia vai calando na xente, ou ben pola combinación de ambos factores, nesta ocasión apenas se chegaron aos cen quilos de lixo retirados ao longo do citado tramo. Non obstante hai unha nota negativa a salientar: localizáronse e foron retiradas nada menos que seis rodas de coche, plásticos dos silos, sacos de fertilizantes.

Tal como se fixo no primeiro día destas Xornadas, tamén se aproveitou para retirar 8 árbores caídas sobre a canle do río, unha delas, por certo, un eucalipto de considerables dimensións (12 metros); ademais de rozar beiras, camiños e pasos. No xantar celebrado como vén sendo tradición na Praia Fluvial do río Furelos os participantes foron agasallados con camisetas conmemorativas en sinal de agradecemento e para animalos a que o próximo sábado se sumen aos labores de limpeza cos que concluirán estas Xornadas.
Os voluntarios pódense apuntar no correo asociaciontroiteiros (at) gmail.com, ou no telf. 696607348 |
|
|
V Xornadas de Limpeza (1º día) |
|
|
|
|
Luns, 31 de Agosto de 2009 |
Este sábado 29 de agosto, 27 voluntarios, todos de Melide, agás un dos participantes que era de Santoña (Cantabria), traballaron arreo para retirar do cauce do río e das súas beiras, máis de 150 quilos de lixo en xornada de mañá e tarde. Os labores comezaron ás 10 da mañá e remataron as 8 da tarde, cunha parada ás 2 para repoñer forzas e intercambiar impresións nun xantar que se celebrou na praia fluvial do Furelos.
Distribuíronse os traballos entre os participantes: mentres uns retiraban latas, botellas, plásticos e residuos máis sorprendentes como unha roda grande de tractor, unha de coche e mesmo unha bañeira dunha casa, outros voluntarios dedicáronse a retirar árbores caídas e outros restos vexetais depositados no cauce do río.
Tendo en conta que na xornada de mañá se limpou o tramo de vedado que vai dende Portochao ata Furelos e dende a Ponte Romana ata a Ponte Mazaira, no que afecta ao tramo acoutado e pola tarde dende a Ponte Mazaira ata a Ponte da Pedra, iso significa que cada vez hai menos residuos. Pero quero aproveitar para recordar que aínda nos quedan dous sábados para cumprir estas Xornadas e, contando coa inestimable participación dos voluntarios, ficarán sobradamente conseguidos os obxectivos que nos marcamos para estas V Xornadas. Reitero o agradecemento a todos os voluntarios, empresas e institucións que traballaron e colaboraron neste primeiro día das V Xornadas de limpeza do río Furelos.
O próximo sábado máis.
Asinado: Xavier Pazo B.
Presid. Asoc. Troiteiros Río Furelos |
|
|
Mércores, 26 de Agosto de 2009 |
A orixe da vertedura que o pasado fin de semana ocasionou a morte de centenares de peixes nun tramo do río Sarria, a poucos quilómetros da localidade lucense do mesmo nome, continúa sendo unha incógnita. As hipóteses máis fiables sobre a procedencia sinalan a algunha das dúas depuradoras de augas residuais da vila ou a unha fábrica de queixo que xa orixinou verteduras noutras ocasións, aínda que en ningún caso foron contaminantes.
Este río xa sufrira verteduras en numerosas ocasións que tornaron as súas augas dunha cor branca moi escura, pero é a primeira ocasión na que aparecen peixes mortos. Os veciños aseguran que as augas non rexistraban o ton esbrancuxado doutras ocasións e que ofrecían unha imaxe máis gris e turbia.
+info:
La Voz de Galicia (24-08-09)
La Voz de Galicia (25-08-09) |
|
|
Sábado, 15 de Agosto de 2009 |
A Asociación de Troiteiros “Río Furelos” quere facer pública a próxima celebración das V Xornadas de Limpeza do couto do río Furelos. Terán lugar, como vén sendo habitual, o derradeiro sábado de agosto, día 29, e os dous primeiros sábados de setembro, días 5 e 12.
Como en anos anteriores, estas Xornadas están subvencionadas pola Deputación da Coruña. A Asociación “Rio Furelos” tamén conta coa colaboración da Consellería de Medio Ambiente, do Concello de Melide, ademais do apoio desinteresado de cerca de medio cento de empresas da bisbarra.
Os labores de limpeza este ano vanse circunscribir a un traxecto duns 16 quilómetros que é o que abrangue o couto do río Furelos. Para os compoñentes da Asociación e todos os amantes da natureza é unha satisfación comprobar que os esforzos constantes e reiterados destes últimos anos están a dar os seus froitos: o río discorre cada vez máis limpo. Tendo en conta isto, ademais da retirada do lixo, aproveitaranse estas xornadas para proceder á eliminación das árbores caídas e outros restos de vexetación do río e das súas beiras, agasallos indesexados que nos deixou este inverno o ciclón Klaus.
A Directiva da Asociación quere manifestar que esta actividade está aberta a todos os que queiran participar e poderán disfrutar dun gratuito e amigable xantar na praia fluvial do Furelos, ou nun lugar alternativo en caso de que a climatoloxía sexa adversa.
|
|
|
Acto de protesta a prol da Ponte Mazaira |
|
|
|
|
Mércores, 12 de Agosto de 2009 |
A Asociación de Troiteiros “Río Furelos” de Melide celebrou este domingo, día 9, un acto reivindicativo para protestar polos incumprimentos nos que está a incorrer a Administración Autonómica no tocante á construción da Ponte Mazaira.
Percorrendo varias rúas de Melide nun “barco” rechamante, os compoñentes da sorprendente caravana fixeron unha prolongada parada no Cantón de San Roque para informar aos medios e aos numerosos curiosos que alí se achegaron sobre a situación de “impase” no que se atopa a construción da citada ponte pola que tanto levan loitado. A continuación continuaron o traxecto pola estrada no mesmo barco ata deixalo ao pé do río Furelos onde xa debería lucir a nova ponte. As desculpas recibidas a través das autoridades locais non lles parecen xustificación suficiente para que un proxecto, no seu día foi cualificado de vital importancia para o ordenamento territorial, fique agora esquecido. Por iso, ademais deste acto reivindicativo, o presidente da Asociación vén de presentar a pasada semana no rexistro da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Infraestruturas da Coruña unha petición de entrevista co Xefe Territorial da citada Consellería para recabar información sobre as causas que están detrás deste inxustificado retraso. Queremos lembrar que esta obra foi anunciada publicamente vai facer agora dous anos, mesmo se fixo público o orzamento destinado a tal infraestrutura e, a día de hoxe, nin sequera está o panel que durante uns meses anunciaba a súa construción. |
|
|
|
<< Inicio < Anterior 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 Seguinte > Final >>
|
| Resultados 64 - 72 de 207 |